Un troco estrutural


1 votos
N avantia necesita con moita urxencia que se concrete algún dos contratos prometidos. Pero é unha solución de urxencia, a curto prazo, que non pode poñernos unha venda nos ollos. Se queremos que a construción naval perviva en Ferrolterra téñense que acometer trocos estruturais. A empresa non pode seguir a perder recursos que dilapiden en pouco tempo o seu capital. Esta deberá ser a nosa principal demanda, unha vez concretado o ditoso flotel para Pemex. 

¿De que trocos estamos a falar? Dos relacionados co núcleo estratéxico do negocio no ámbito dos produtos e servizos a ofertar, e no aspecto organizativo. No ámbito de produtos é imprescindible redefinir o papel de Navantia como empresa fabricante de unidades para as Armadas española e estranxeiras. Con recortes xeneralizados no gasto público España non está para gastar en unidades de guerra, e o fracaso nos últimos concursos internacionais aos que ten acudido poñen en evidencia que a empresa non é competitiva en prezos. Todos os novos contratos dos que se está a falar no curto e medio prazo son contratos civís, sector cualificado no PEN 2007-2011, como marxinal e fóra do seu núcleo estratéxico de negocio.
Actualmente, os países asiáticos captan máis do 75 % dos encargos en toda caste de buques de transporte. Son imbatibles por mor da súa calidade, prezo e cumprimento de prazos de entrega. Contan con apoio dos seus Gobernos, dispoñen de todo financiamento que precisen a un prezo moi baixo, e en Xapón e Corea están integrados en grandes conglomerados industriais que lles permiten conseguir prezos moi baratos para os seus insumos.
¿Qué produtos fabricar no eido civil en Navantia? Buques e artefactos offshore, eido no que se están a especializar os países industrializados de Europa. Na actividade de reparacións Navantia Ferrol Fene ten gañado unha posición de prestixio internacional, nomeadamente diante dos grandes operadores de transporte de gas. É a actividade que en todos e cada un dos anos pasados ten xerado beneficios, pero para consolidala no futuro é imprescindible acometer a construción dun novo dique, flotante ou seco, cunhas dimensións mínimas de 400 x 90 metros. 

No ámbito da organización interna o troco debe ser total. Debe definirse un organigrama matricial, que dea poder e esixa responsabilidades sobre os seus resultados a cada unidade estratéxica de negocio, e a cada un dos estaleiros. Non pode repetirse a situación dos últimos cinco anos, nos que os beneficios de Ferrol-Fene foron comidos polas cuantiosas perdas de Cádiz e Cartagena, sen que o equipo directivo fixera nada para endereitar a situación. Nada disto será posible se non se dota de novos recursos propios á compañía, situada hoxe á beira da insolvencia. E non será doado porque, aínda que o Goberno español estea disposto a acometela, se o núcleo de negocio futuro é maiormente civil, poderá ser denunciada como axuda ilegal por outros estaleiros europeos.
Se este plan non fora posible para o conxunto de Navantia, o Goberno galego, invocando a lei de defensa do sector naval, debe recuperar para o patrimonio público galego o estaleiro de Fene e poñelo á disposición, en réxime de aluguer, dos operadores offshore que ofrezan un plan de explotación máis viable, e xeneren a maior capacidade de emprego.
Ramón Yáñez es Profesor honorario da Universidade da Coruña