Sector naval, napalm


Henrique Dacosta |
Redacción Ferrol | Actualizado 04 Julio 2013 - 01:30 h.
No disco d’Os Resentidos “Fai un sol de carallo” (1986) soaban estes estraños versos como parte da canción, tamén estraña, de nome “Sector naval”. Estabamos naqueles fatídicos anos en que a chamada reconversión pegaba forte na nosa comarca, así como na de Vigo. A reconversión, ou reindustrialización, só foi un espellismo, a maneira eufemística de chamarlle ao que resultou ser unha verdadeira destrución ou desmantelamento industrial. Aínda hoxe, como todos sabemos, estamos a pagar as consecuencias da miopía da era Solchaga (Real Decreto Lei 8/1983, de 30 de novembro), pois supuxo a desaparición de 7.000 empregos directos e 20.000 indirectos. Pero é que na coñecida como segunda reconversión, entre 1998 e 2003, foron 4.000 e 12.000, respectivamente, os empregos destruídos.

O próximo 17 de xullo, neste 2013, convértese no día en que Joaquín Almunia, comisario da Competencia da UE, decidirá se o Estado español debe ou non pagar os famosos “tax lease” ou bonificacións aos estaleiros. Estamos a falar de case 3.000 millóns de euros, das operacións verificadas desde 2005 até 2011, xa que desde hai dous anos non se aplican tales bonificacións. Falamos novamente de cifras, de persoas que pasan a engrosar as listas do paro, estimándose entre 12.000 e 16.000 os empregos directos desaparecidos, e en 50.000 os indirectos. E é que un goberno español tras doutro empeñouse en non considerar nunca o sector industrial como estratéxico. Ao revés do que sucede noutros países da Europa máis industrializada, que si coidan e se esmeran por sanear a súa industria, a pouca industria estratéxica que aquí aínda sobrevive (siderúrxica, minaría, pesca, etc.) cambalea na corda frouxa á vontade do que sempre se nos dite desde a UE.

O asunto do “tax lease” xorde o 29 de xuño de 2011. Os Países Baixos, concretamente unha asociación de estaleiros neerlandeses, denúnciano e as bonificacións pasan de inmediato a ser suprimidas. Mais existe o precedente en Francia, á cal non se lle obrigou ao pagamento da multa correspondente. Joaquín Almunia, comisario da Competencia, asevera que as bonficacións fiscais son incompatíbeis coa lexislación europea, de aí que haxa que reintegrar todas esas desgravacións, que alcanzan, como sabemos, case os 3.000 millóns de euros. No seu día, a condonación feita a Francia baseouse no principio da confianza lexítima e seguranza xurídica. Consecuentemente, por que a España non? Podemos confiar en que Almunia saque o coello da chistera o próximo día 17? Os estaleiros neerlandeses (franceses tamén) son os grandes beneficiarios, pero non menos os coreanos e os chineses. Onde está, pois, a política europea común?

Desde o día primeiro deste mes, Croacia pasou a ser o estado número 28 da UE. Outros candidatos aspirarán en breve a selo tamén. Islandia é o máis firme deles, e detrás poden vir Turquía, Macedonia, Montenegro e Serbia. Estes últimos, sempre e cando solucionen previamente os conflitos, territoriais sobre todo, cos países veciños. O PIB de Croacia descendeu máis dun 10% desde 2009 e o desemprego atinxe o 20% da poboación activa. Moita xente nova xulga que se trata dun estado disfuncional e corrupto, e acaba vendo que a entrada na UE será unha vía de solución laboral grazas á emigración. Sospeitamos que os restantes países citados (fóra de Islandia) non lle andan moi lonxe en termos laborais e económicos. Que estraños intereses se conxugarán nos despachos de Europa para que este tipo de estados aspiren a entrar en tan selecto club? Sospeitamos que as exencións fiscais á grande empresa, a man de obra barata, as liberdades á exportacións, etc. han de estar detrás sen dúbida.

A Europa dos mercadores, sobre todo dos grandes mercadores, pesca neste río revolto. Mais que lles pasa aos que non espertan a troita? Que nos pasa a nós cos nosos estaleiros? A falta de seriedade, disque, é a nosa condena. A ver se tanto sol, touros e pandeireta, turismo barato de marcha, sexo e borracheiras, de borbulla inmobiliaria e corrupción até na sopa non han de ser os verdadeiros causantes de que a falta de confianza e de seguranza xurídica nos faga tan diferentes a outros países como Francia. Futuro ben negro o que nos espera, mentres ideoloxicamente grupos como o Bilderberg, ao que por certo pertence J. Almunia, “lobby” que reúne aos membros máis influentes do mundo, dita o seu ideario de resignación e mobilidade laboral perpetua, ao tempo de eles se enriqueceren e preocuparen dos seus.
Que lle resta ao sector naval? Napalm? Talvez. Talvez, e perdóesenos o cinismo, deberiamos montar a nosa Padania. Fundarmos a nosa propia Liga Norte, xunto coas restantes comunidades da cornixa cantábrica, alén das provincias castelá-leonesas do norte, Rioxa, Navarra, Aragón e Cataluña e facermos fronte común, un federalismo fiscal que vele polos nosos intereses reais. E é que a seriedade que nos singularizará, fóra desa España de sol, touros e pandeireta, ha salvarnos do napalm antes da descarga final do artilleiro Almunia.