SECTOR NAVAL: A NECESARIA REACCIÓN SOCIAL


E-mail Imprimir PDF
Se non hai unha rectificación radical na posición sindical maioritaria, acompañada dunha recuperación social  colectiva da conciencia da necesidade do sector naval civil nesta comarca e dunha predisposición activa a defendelo, estamos ás portas dunha catástrofe anunciada. 
 
Desde  comezos dos oitenta (1983) iniciouse un proceso, avalado polos sindicatos españois maioritarios nos estaleiros da ría, que conducía á anulación da capacidade produtiva da factoría de Fene, Caso inusitado: prohibíase a un estaleiro, con capacidade de produción anual de 135.000 TRBC (Toneladas de rexistro bruto compensadas),  construír barcos civís comerciais. Semellante decisión era o resultados de negociacións entre o Goberno de España e o entón Mercado Común Europeo. No proceso de integración neste espazo global, a redución brutal da capacidade produtiva neste importante sector estratéxico foi unha, entre outras,  das concesións do Estado no que a Galiza está integrada, para satisfacer os intereses dos que mandan en Bruxelas. Non foron poucas, todas elas de impacto moi negativo na nosa base produtiva. As secuelas estamos vivíndoas agora de forma dramática.

É posíbel que nestes momentos moitos panexiristas das bondades da Europa comunitaria se estean a decatar de que o recibido, durante estes anos, non compensou por tanta destrución de tecido produtivo, tanto abandono, tanto paro, tanta indefensión como as que comprobamos con desolación. 
 
Mais estes resultados estaban cantados. Ninguén dá nada gratuitamente. A peor forma de conducirse nas relacións internacionais e, moito máis, en calquera alternativa de unión, é a predisposición á subordinación e unha irresponsábel asunción, non das nosas limitacións, senón dunha suposta e  inevitábel incapacidade. Se falamos da unidade de España, o letal para Galiza é o servilismo e a renuncia a defender os nosos lexítimos intereses como pobo. Pasáronos a factura maior dos compromisos con Bruxelas. Porén o peor foi como se xustificou aquí en nome da solidariedade con outros e mesmo intentando por todos os medios introducir na conciencia social que o sector naval civil non tiña futuro, que estaba obsoleto e que había que procurar outras alternativas. Nunca as houbo, malia tantos fraudulentos planos de industrialización, sempre debidamente avalados polos mesmos que, de forma tan activa, colaboraron a cargarse o noso dereito a producir buques.

Após anos reducidos á produción naval militar, basicamente na factoría de Ferrol, chega a hora da verdade. O militar non dá máis de si, alén de que o reparto da carga de traballo se faga, como sempre, dándolle prioridade aos estaleiros do sur. Case trinta anos desaproveitados. Neste período non faltou a iniciativa política persistente , esixindo o levantamento do veto a  Astano, nin no Parlamento galego, nin, desde 1996, no Parlamento español. Mesmo neste aprobouse, en varias ocasións, que o Goberno respectivo iniciase as negociación para o regreso da factoría de Fene á construción naval civil. Porén, malia o desagrado gobernativo por estas vitorias, non sentían maior preocupación: os principais axentes sociais, nomeadamente os sindicatos maioritarios do sector, xa se encargaban de anular os seus efectos sociais, permanecendo fieis aos acordos asinados, que ratificaron en sucesivas ocasións, para maior inri. 
 
 
Pola súa banda o nacionalismo galego, o actor principal da reivindicación do dereito e a necesidade de producir barcos civís na ría de Ferrol, foi incapaz de romper o control, a pasividade e o escepticismo sociais a este respecto, producidos por tantos anos de desorientación e colaboracionismo dos axentes sociais maioritarios. A maior mostra de malgasto social e económico que podemos observar na comarca son os guindastres e as infraestruturas de Astano abandonadas, sen actividade, mortas...

Só haberá futuro, se existe unha maioría social disposta a defender a recuperación do dereito a construír barcos sen exclusións. Se a maioría dos axentes sociais  só serven a estratexias e intereses nosos. Se temos a convicción de estarmos nunha guerra por manter e desenvolver a nosa capacidade produtiva nun sector de vital importancia económica, insubstituíbel, relevante para a diversificación produtiva galega, que outros queren para si, nun espazo global, no que o reparto do traballo se está  a facer con claro prexuízo para nós como periferia do sistema. Ferrol non é máis que unha metáfora avanzada de Galiza. Aínda que poda parecer tarde,  unha reacción colectiva da maioría social, con obxectivos clarificados, pode endereitar o camiño e ter resultados, máis cedo que tarde, positivos.